EU,
MARTÍN
SARMIENTO
(Fragmento do libro de J.L. Pensado: Para achegármonos
a Frei Martín Sarmiento, publicado por Citania
en 1994, co gallo do 300 aniversario do seu nacemento)
¿Que
me pasará hoxe que desperto un pouco desacougado
e chían-me os oídos como se alguén
estivese falando de min alá no mundo dos vivos?
¡Agora me decato!: Son os meus paisanos que andan
a falar de min porque hai trescentos anos que nacín.
Eu nacín só, vivín só, morrín
só e sigo vivo, só, nas páxinas dos
meus manuscritos
A miña vida e a miña
obra foron un inmenso soliloquio, na cela do meu convento.
Escribín moito e publiquei pouco, porque no meu tempo
non tiña xeito dar a coñece-los meus pensamentos,
e agora coido que xa poden quedar un pouco avellantados.
Aínda que sempre escribín para min mesmo,
os meus escritos que subirán todos
a máis
de tres mil pregos ou a seis resmas de papel, non os trouxen
conmigo. Alá quedaron por se alguén quería
lelos. A maioria deles, que falan de Galicia e das súas
cousas, coñécenos poucos, pois aínda
fican inéditos. Case parece que os meus paisanos
gustan máis de agasallarme que de lerme; de falar
de min que de publica-las miñas obras.
Vivín
degorando por saber, e por iso pasei toda a miña
vida preguntando, primeiro en galego e logo en castelán.
Para as cousas que non me ían nin me viñan,
e eran moitas, fun cego, mudo e xordo; pero para cousas
de inocente e curiosa literatura ou para averiguar unha
verdade xeográfica, histórica, botánica,
etimolóxica ou de algunha antigüidade confeso
que fun un preguntón insufrible.
Sendo meniño levábame miña nai a oír
misa na igrexa de San Xoan de Deus en Pontevedra. O crego
tardaba unha hora en dicila. Oíaa axeonllado; os
meus tenros xeonllos non podían aguantar tanto tempo
así, para engañalos, botaba olladas ás
paredes para rexistralo todo
Á dereita do altar
maior estaba a inscripción CHARITAS, e á
esquerda HUMILITAS. Eu lía e dicía a miña
nai: Mi Madre, ¿Que quere dicir CHARITAS?.
A resposta era reñerme, porque non atendía
á misa
Atendía un pouco e despois voltaba
a preguntar: Mi Madre, ¿que quere dicir HUMILITAS?.
E voltaba a reñerme.
Na miña casa falábanme en galego
Preguntábanme
¿Cal é a túa man dereita? ¡Eta!.
Mesmo aldraxaba en galego: lembro que andando aínda
en saias, e estando na escola, porque o mestre de ler me
fixo unha pesada burla chameille a voces FILLO DUMHA PUTA,
sen saber o significado de FILLO, de UNHA,
nin de PUTA. Díxeno por telo escoitado ós
que se enrabechaban, e por enrabecharme eu.
De pequeno ensináronme a escribir en castelán,
e escribín moito para cousas de meus pais, que non
estaban afeitos a facelo, e para a Gramática. E así
continuei escribindo toda a miña vida. Custoume traballo
aprendelo, e quixen sabelo a fondo. Para iso, cando eu era
mozo non deixaba pasar voz algunha, latina ou castelá,
que non procurase averigua-lo seu significado. Así
naceu a miña teima etimolóxica, exercitaba
primeiro sobre o castelán e pasada despois ó
galego.
Desde 1710 en que fun para Madrid, nunca falei, nin lin,
nin escribín tres períodos en lingua galega.
E en canto a ler, a penas sabía que houbese monumentos
escritos nese idioma ata o ano 45, que vin infinitos pergameos
e papeis. E lin talmente por curiosidade.
Polo ano 1730 descubrin en min un xenio adicado ás
etimoloxías. E así fun xuntando máis
de trinta pregos con voces castelás. Despois din
en xuntar moitas voces galegas coas súas etimoloxías.
Para ordear todas estas voces e frases galegas con algún
método, imaxinei formar un contexto galego de todas,
co fin de formar un Glosario ou Comento de cada unha en
particular. Nese Glosario tomeime a liberdade de amontoar
moitas etimoloxías galegas e castelás para
desentrañar mellor as cousas ou significados. Nada
proseguiría con máis gusto, escribín
entón, que ese Glosario se me atopase con tempo dabondo,
e se Deus me dese saúde agardo continualo.
Xurdín no mundo literario cunha defensa do Padre
Feijoo, o meu amigo e paisano: DEMOSTRACIÓN CRÍTICO-APOLOGÉTICA
DEL TEATRO CRÍTICO UNIVERSAL. Vendo a inutilidades
da súa publicación e as xenreiras que acadaba,
xa non volvín a editar ningunha obra, e aínda
me enrabechaba que se fixesen copias dos textos solicitados
polos meus amigos. Mesmo tiven que xustificarme burlescamente
con el PORQUE SI Y PORQUE NO DEL P. MARTÍN SARMIENTO.SATISFACCIÓN
CRÍTICO APOLOGÉTICA DE SU CONDUCTA. PORQUE
SI, VIVE SIEMPRE TAN RETIRADO Y PORQUE NO, SE PONE AL OFICIO
DE ESCRITOR, que tamén quedou sen rematar.
A petición do cardenal Valenti Gonzaga tiven que
escribir unhas MEMORIAS PARA LA HISTORIA DE LA POESÍA
Y POETAS ESPAÑOLES, que anos despois refixen engadindo
novos datos na OBRA DE 660 PLIEGOS.
Logo, unhas REFLEXIONES LITERARIAS PARA UNA BIBLIOTECA REAL,
padidas polo director da Biblioteca de palacio. Por desexo
de Felipe V, o SISTEMA DE ADORNOS DE ESCULTURAS, INTERIORES
Y EXTERIORES PARA EL NUEVO REAL PALACIO DE MADRID. E, en
fin, unha morea de traballos de encarga dos que subliñarei
o mandado polo Conde de Aranda SOBRE CAMIÑOS REALES
DE TODA ESPAÑA.
Non tiña pensado averigua-la orixe das voces galegas
ata o ano 45, cando por unha inclinación anterior
ás etimoloxías de algunhas voces castelás,
estendinas-sen particular estudio-a penetra-la orixe das
voces galegas conforme as ía escoitando en Galicia.
De cando en vez traballaba no glosario, un pouco ás
agachadas, pois as etimoloxías tíñanse
por un pasatempo inútil e burlábanse de min
os casteláns e aínda os galegos.
Por febreiro de 1746, ó voltar de Galicia, decidinme
a escribir en galego e amañei un coloquio de 24 galegos
rústicos formado por 1201 coplas de estilo pueril
e rústico, aínda que non son poetas e estas
coplas eran as primeiras que fixen nese metro, idioma e
estilo. Importa pouco que non sexan boas pois o meu propósito
foi xuntar moitas voces galegas particulares e escribilas
na súa verdadeira ortografía, que observei
en varios documentos en lingua galega que lin en Pontevedra
e outras partes, con singular gusto.
Imaxinei unpoeta-MARCOS DA PORTELA- o rústico máis
advertido, picarón e gracioso que alí tratei
aínda sendo eu neno, para falar no estilo común
don dous nenos e dúas nenas que falaban en estilo
pueril, e cando parolan os outros homes usei o estilo rústico
aínda que grave, e cando as mulleres o estilo mulleril
humilde. A un dos nenos chameille Perucho, como me chamaba
sempre a miña nai. Os rústicos, por certo,
eran os que mellor galego falaban.
As coplas, unicamente as fixen para os galegos de preto
de Pontevedra, e en especial para meu irmán Francisco
Javier, quen podía enmendar algunhas locucións
que non fosen puras galegas, e con esa ocasión recoller
moitas voces galegas puras, por se en algún tempo
estou de festa para continua-las coplas; aínda que
xa co estilo rústico, na boca dos segadores. E se
estou de flegma, para conseguir con COMENTO ou GLOSARIO,
aínda que dubido moito que poida conseguir aquela
festa e poida conseguir aquela festa e poida lograr esta
flegma.
O tempo deume a razón, porque os meus escritos sobre
a lingua galega foron os que menos interesaron na miña
terra e os que máis tardaron en publicarse.
O contacto con Galicia despertou a miña adormecida
conciencia galega e, a partir de entón, como lle
escribín tempo despois a meu irmán, xa nada
vía, nin oía, nin palpaba, nin lía,
nin escribía, nin observaba... nada experimentaba
e nada discorría que non tivese á vista Galicia
e a Boa Vila, para que se vexa se se pode utilizar algo
do que se fai noutras partes.
Cando voltei a Galicia decateime de que sabía da
China máis que do meu país orixinario, sendo
así que son de Galicia por tódolos costados.
Aquí, privado da miña cela, dos meus libros,
de das miñas tres ulnas de ceo, e absorto con tanto
mar, ría, montes, vales, e diversidade de horizontes,
quixen suplir a puras preguntas o que non podía ler
nin atoparía na miña librería aínda
que ben numerosa. Así preguntaba a todo trapo, ó
primeiro que se me poñía por diante.
Foi daquela condo comezei a ler o GRAN LIBRO DE NATUREZA
ou a HISTORIA UNIVERSAL Y A LO VIVO DE LAS PROPIEDADES DE
TODAS LAS COSAS CRIADAS, e mesmo soñaba con deixa-la
Corte e retirarme a un deserto monacal do meu País
donde me fose doado vivir con retiro monástico e
pasear, e facer exercicio por montes, vales, ríos,
rías e outeiros, a fin de conserva-la miña
saúde e de sacia-la curiosidade , non xa tanto en
libros como nas cousas que Deus creou en Galicia.
Tamén daquela xurdiu o meu afeizoamento á
HISTORIA NATURAL, especialmente de Galicia, á súa
xeografía, á explicación dos seus topónimos,
a estudia-los animais terrestres, volátiles, mariños
e a orixe dos seus nomes, a recoller toda clase de vexetais
e coñece-las súas propiedades ou virtudes.
Porque para min os nomes das cousas da Historia Natural
son os que máis característicos, os máis
populares, os máis antigos, e máis naturais
da cada lingua.
Preguntaba sobre todo a nenos e nenas, vellos e vellas,
rústicos e páparos, iliteratos e idiotas,
que sen pensar en ofendervos chamarei aquí a escoria
e esterco da racionalidade. Deles saquei, saco e sacarei
o máis puro ouro da verdade que busco. A calquera
deles, cando hai ocasión pregunto e repregunto
que me digan o que viron para sacia-la miña curiosidade.
Non lles pregunto polo que escoitaron senón polo
que viron nas sùas terras.
E todos eles, esterco de racionalidade para
o mundo recionalista e ilustrado no que vivín, foron
fonte viva do meu saber sobre Galicia. A eles debo os milleiros
de noticias que andan espalladas polos meus escritos: voces
vulgares, frases, alcumes, refráns, cantares, contos,
lendas e tradicións populares, nomes de plantas,
animais, xogos... cousas despreciables para os sabios do
meu académico século.
Se eu fun un preguntón, o meu século castigoume
preguntándome. Por iso, unha boa parte dos meus escritos
foron respostas a preguntas dos máis ilustres e poderosos
personaxes de entón, ós cales eu non podía
negarme a responder. Logo decateime de que o que lles interesaba
non eran as miñas ideas senón a miña
información.
¡Que contraste!. Mentres eu preguntaba a rústicos
e páparos, iliteratos e idiotas, eles preguntábanme
a min. E eu como un páparo e idiota respondíalles,
roubando tempo ó meu GLOSARIO, ó ONOMÁSTICO
ETIMOLÓGICO, ós ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS
SEGÚN EL MÉTODO DE EUCLIDES e outras obras
de tema galego que deixei sen acabar.
Agora vexo compracido como case tódalas miñas
ideas, raras para o século en que vivín, eran
acertadas. Eu quixen ser testemuño do meu século
e conseguino: Gracias ó meu CATÁLOGO DE VOCES
E FRASES GALEGAS, recollidas en 1745 e 1755, teñen
os meus paisanos unha fonte de información como é
debido, pois as voces sitúanse no espacio e no tempo,
cousa que se tardou moito en aprender a practicar. Aínda
hoxe non atopo mellor e máis farturenta colleita
de nomes de plantas que a que lles deixei no meu CATÁLOGO
DE VOCES VULGARES Y EN ESPECIAL DE VOCES GALLEGAS DE DIFERENTES
VEGETABLES, froito das miñas viaxes pola miña
e vosa terra .
A COLECCIÓN DE VOCES Y FRASES GALLEGAS quería
que lles servise de exemplo para os estudios filolóxicos
sobre o galego. Moitas das miñas etimoloxías
coinciden coas de hoxe, e sorpréndeme que na miña
Boa Vila arrombaran o GLOSARIO ou COMENTO, onde tanto falo
dela, e contentáranse con publicar ou remeda-las
coplas que non tiñan outra fin que a de xunra-las
voces.
O meu ONOMÁSTICO ETIMOLÓGICO DE LA LENGUA
GALLEGA, pese a editarse tarde ano 23 do século
XX- con erros de imprenta e sen índices, aínda
lles é de proveito e decátome de que a miña
clasificación e estudio de topónimos, acertados
nas dúas terceiras partes, non difire moito da actual.
Os ELEMENTOS ETIMOLÓGICOS SEGÚN EL MÉTODO
DE EUCLIDES quedou esquecido e mesmo teño que agradecer
á Real Academia Española que o publicase no
seu Boletín, aínda que moito mutilado.
No meu testamento lingüístico, o DISCURSO APOLOGÉTICO
POR EL ARTE DE RESTREAR LAS MÁS OPORTUNAS ETIMOLÓGIAS
DE LAS VOCES VULGARES propoñía a dignificación
do galego, a prohibición de que se perseguira ós
que o falaban, e que se premiase ó que aportase maior
número de voces, a instauración do seu ensino,
e a creación de catedráticos que o ensinasen
para aprender latín.
Cando reparo nas miñas ideas xeográficas vexo
que non andaba descamiñado o meu pensamento e que
me adiantei ó tempo. No meu PROBLEMA COROGRÁFICO
PARA DESCRIBIR A GALICIA CON UN NUEVO MÉTODO
imaxinei unha descrición de Galicia seguindo o curso
dos ríos e os seus afluentes , a pé e a cabalo,
que viña a selo mesmo que as descricións xeográicas
seguindo a conca dos ríos. E anos antes ideei un
PLANO DE UN NUEVO Y FÁCIL MÉTODO PARA FORMAR
UNA DESCRIPCIÓN GEOGRÁFICA DE ESPAÑA,
consistente nunha enquisa con 150 preguntas, das cales unha
boa parte delas aínda hoxe teñen vixencia
e constitúen a base dos diccionarios xeográficos
ou de ciencias aparte como a antropoloxía, a etnografía
e o folclore.
As miñas ideas pedagóxicas, espalladas por
toda a miña obra, e sobre todo na EDUCACIÓN
DE LA JUVENTUD, que hoxe semellan vulgares e de puro sentido
común, entón parecían disparatadas.
Das propostas que fixen nas REFLEXIONES LITERARIAS PARA
UNA BIBLIOTECA REAL, algunhas como as bibliotecas públicas
xa están cumpridas, porque aquel meu desexo de levar
a Pontevedra a miña biblioteca persoal que
moi axiña desapareceu- xa sabía eu que era
imposible.
Máis vexo que aínda falta un GLOSARIO LATINO
DE NUESTRO LATÍN DE MEDIA EDAD. Falta outro DICCIONARIO
CASTELLANO DE LAS VOCES PECULIARES DE CADA PAÍS que
viña ser un diccionario dialectal hispánico.
Non adiantou tanto como eu esparaba a publicación
das fontes documentais da Idade Media. Aínda sigo
eu sabendo máis do Tumbo de Celanova que moitos eruditos
galegos, pois continúa inédito... E o mesmo
acontece cos documentos de Santa Clara de Pontevedra, de
Lérez, do Poio, e de outros mosteiros galegos que
eu lin cando viaxei por Galicia.
Pero xa é hora de rematar este soliloquio. E antes
de voltar á eternidade non quero deixar de lembrarvos
que as miñas virtudes fundamentais- agora poido dicilo-
foron: Espírito de traballo e modestia. Imitádme,
non me celebredes. Porque nese voso mundo, que hai tempo
tamén foi meu, sempre gustou máis a festa
que o traballo.