Como activista na defensa e promoción da lingua, das institucións e da cultura galegas, Manuel Lugrís tamén diversificou a súa creación literaria considerándose, por elo, un escritor polifacético que chegou a publicar prosa, narrativa, ensaio, poesía e teatro.

Poesía.- As súas primeiras creacións literarias son da época do exilio. Alí publica o seu primeiro poemario en galego,
Soidades (1894), que foi prologado por Curros Enríquez, ó que seguiu Noitebras (1901) xa escrito na Coruña de volta da emigración en Cuba e adicado á súa defunta muller, Concepción Orta e Iglesias.
En 1919, e como complemento do xornal "El Noroeste", Manuel Lugrís publica Versos de Loita, e case dez anos despois, en 1927, coincidindo co falecemento do seu irmán Plácido en Cuba, sae á luz o libro de poemas Ardencias, nesta ocasión adicado á xuventude galega. Completa as súas homenaxes cun libro adicado á sociedade de Sada e os seus contornos: As mariñas de Sada (1928).
Prosa, narrativa e xornalismo.-
De 1909 é unha das súas obras máis destacadas en narrativa:
Contos de Asieumedre, escritos baixo este pseudónimo e compilados no volume así titulado.
Especial importancia ten a súa Gramática do idioma galego (1922, da que se publicou unha segunda edición en 1931), xa que se trataba da primeira gramática escrita en lingua galega.
E importante é, tamén, a súa aportación a diversas publicacións xornalísticas nas que apareceron varios dos seus escritos. Fundador e director do primeiro xornal íntegramente en galego publicado en América, "A gaita gallega" (Cuba, 1885-1889), Manuel Lugrís tamén publicou baixo os pseudónimos Asieumedre, L.U. Gris, K. Ñoto e Roque das Mariñas numerosos artigos en "Revista Gallega", "A Nosa Terra" ou "El Eco de Galicia", entre outros.
Unha producción literaria que o Centro Ramón Piñeiro compilou no ano 2000 nun volume chamado A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, incorporado á colección "Narrativa Recuperada", con
introducción e notas de Xabier Campos Villar. Nesta obra reúnese por vez primeira, e nun único volume, o conxunto de textos narrativos escritos en galego por Lugrís: ademáis da novela curta O penedo do crime, incorpóranse máis de 50 relatos escritos a finais do século XIX e comezos do XX.
Teatro.-Pero no eido en que máis destacou Manuel Lugrís foi o dramático, inaugurando o teatro galego en prosa. Ó igual que no caso da obra poética, tamén a súa ópera prima teatral escribiuna en Cuba: A costureira da aldea. Logo de patrocinar a Escola Galega de Declamación que inciou a súa andadura cunha peza de Salinas, Manuel Lugrís procurou textos para os diferentes espectáculos. O Teatro Principal da Coruña e o Teatro Jofre de Ferrol acolleron as representación dalgunhas obras teatrais de Manuel Lugrís como A Ponte
(1903), Minia (1904), Mareiras, Esclavitú, O Pazo
(1917) e Estadeíña
(1919).