O remate
da Guerra Civil e o inicio do franquismo provocou
a desaparición da língua galega da escena
pública, do ensino e das actividades socioeconómicas.
Aqueles que tiveron como única vía o
exilio (Castelao, E. Blanco Amor, Luís Seoane,
Rafael Dieste...) foron quen de manteren viva a chama
da cultura, do idioma e da identidade de Galicia.
O desenvolvemento cultural galego ten agora o seu
escenario na Arxentina, Venezuela, México e
Cuba, entre outros países.
A situación social do galego viuse agravada
coa obrigatoriedade da escolarización no nivel
básico e, posteriormente, coa popularización
dos medios de comunicación, que tiñan
o castelán como único vehículo
de expresión.
O contexto adverso non logrou apaga-lo espírito
do galeguismo, que, timidamente, comeza a se manifestar
no ámbito cultural. Pasos decisivos foron a
colección de poesía Benito Soto, a editorial
Bibliófilos Galegos e o suplemento semanal
bilingue do xornal santiagués La Noche.
A peza clave en que se asenta esta recuperación
dos usos escritos é a creación da Editorial
Galaxia en 1950. Os seus principais promotores, Otero
Pedrayo, Ramón Piñeiro, F. Fernández
del Riego e outros, evidenciaron de novo a validez
do idioma galego para calquera xénero ou temática.
Galaxia convértese no eixo de diversas publicacións
periódicas: Revista de Economía de Galicia,
a revista de cultura e arte Atlántida, e a
de pensamento Grial.
A partir de 1960 vaise producir un conxunto de cambios
no eido económico e social que se acompañan
dunha leve atenuación da censura.
Exemplos deste aperturismo foron a posibilidade de
editar publicacións antes prohibidas, a instauración
da celebración por parte da Real Academia Galega
do Día das Letras Galegas (1963), a ampliación
do mundo editorial coa creación de Edicións
do Castro, as novas asociacións culturais en
defensa do galego: O Facho, O Gaio, a Asociación
Cultural de Vigo
A Universidade galega non queda á marxe destas
inquietudes e toma parte activa na revitalización
da nosa cultura coa creación en 1965 da Cátedra
de Língua e Literatura Galegas baixo a dirección
de Carballo Calero. Seis anos despois nace o Instituto
da Língua Galega, que vén desenvolvendo
unha importante obra investigadora desde a súa
fundación ata os nosos días.
Nos anos cincuenta a producción literaria galega
retoma o seu camiño de forma máis sólida.
Unha vez máis foi a lírica a encargada
de inicia-lo renacer literario. Longa noite de pedra,
de Celso Emilio Ferreiro, publicado en 1962 representa
a liña social e cívica caracterizadora
da poesía dos anos sesenta. Lueiro Rey, Bernardino
Graña e Manuel María, son algúns
dos autores desta lírica que tenta conxuga-lo
discurso político co literario.
A narrativa galega sofre un baleiro desde 1936 ata
1951, ano en que Carballo Calero publica a súa
primeira novela, A xente da Barreira.
Entre os anos 1950 e 1963 grandes autores como Álvaro
Cunqueiro, Blanco Amor e Ánxel Fole, desde
as súas peculiares formas de narrar, crean
unha obra de recoñecida altura universal.
Na década dos sesenta Gonzalo Mourullo, Méndez
Ferrín e Carlos Casares, entre outros, fanse
eco das innovacións da literatura europea,
e constitúen o que se deu en chamar "Nova
Narrativa", movemento renovador e revitalizador
da nosa prosa.
O
momento actual
A restauración
da democracia abre novos horizontes para a literatura
galega, que chegará a se-lo ámbito sociocultural
máis normalizado. Por primeira vez en moitos
anos voces femininas como as de Pilar Pallarés
ou Luz Pozo Garza, á beira de novos enfoques,
coma os do grupo Rompente o culturalismo de Rodríguez
Baixeras, dan paso a unha nova e forte producción
poética.
A narrativa, un dos xéneros deficitarios en
canto á producción literaria nos comezos
do século XX, comeza un período de grande
producción, de máis ampla trascendencia
social e, sen dúbida, de maior proxección
estatal e internacional. Autores como Alfredo Conde,
Carlos Casares, Suso de Toro ou Manolo Rivas convértense
en éxitos de venda e as súas obras son
traducidas a outros idiomas... Paralelamente, afiánzanse
novos xéneros e posibilidades narrativas coa
consolidación da chamada novela negra, narrativa
erótica, westerns, thriller, etc... ademais
de consolida-lo xénero chamado novela histórica
que, desde os comezos do século XX, dera exemplos
moi escasos.
Contra
fins dos sesenta e comezos do setenta a producción
dramática galega experimentou fondas transformacións
que obrigan á convivencia dun teatro ruralista
con tendencias xa marcadas desde a inmediata posguerra
por autores como Álvaro Cunqueiro ou Carballo
Calero. Será a partir dos setenta, como dixemos
anteriormente, cando emerxe a xeración nucleada
ó redor da Mostra de Teatro de Ribadavia (Vidal
Bolaño, Euloxio Ruibal, Manuel Lourenzo) á
que hai que sumarlle a achega de novos autores como
Xavier Lama, Xesús Pisón ou Candido
Pazó nos comezos dos anos 90.
O xénero ensaístico, que botara a andar
coas obras de Vicente Risco ou Ramón Piñeiro
consolidouse arredor dos anos setenta, gracias ó
cal na actualidade contamos con traballos que abranguen
un amplo abano temático: política, economía,
teoloxía, arte, música, filosofía,
língua, literatura, historia...
Non debe quedar á marxe da historia da literatura
galega aquela producción destinada ós
máis novos. Cada ano son máis os libros
de literatura infantil editados e traducidos, e máis
tamén os premios que reciben os nosos escritores
a nivel estatal e internacional. Entre todos eles,
detacamos a Fina Casalderrey, Agustín Fernández
Paz, Antón Cortizas, Marilar Aleixandre ou
Xabier P. Docampo.
Ó prestixio do noso idioma contribúen
outra serie de factores como, por (exemplo, a traducción
para o galego de obras de dimensión universal,
proceso principiado nos comezos deste século
polos membros da Xeración Nós e por
figuras sobranceiras como Aquilino Iglesia Alvariño
durante a posguerra. Ás traduccións
realizadas nos anos setenta por X. M. Beiras ou X.L.
Franco Grande, debemos incorporar aqueloutras que,
gracias ás axudas concedidas polo Goberno galego,
se realizan de textos clásicos e modernos do
máis escollido da literatura mundial. Pódese
ler en galego a Biblia, Homero, Catulo, Cicerón,
Dante, Petrarca, Shakespeare, Cervantes, Goethe, Conan
Doyle, Verne, Camus, Sartre, Joyce, Sallinger, e un
longo etcétera.
Co
réxime democrático Galicia convértese
en Comunidade Autónoma, tendo como línguas
oficiais o galego e o castelán. Paralelamente
á instauración dunha lexislación
reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración
dunha língua estándar. O Instituto da
Língua Galega, creado en 1971, e a Real Academia
Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas
e morfolóxicas do idioma galego, que acadan
o carácter de oficiais coa promulgación
da Lei de Normalización Lingüística
no ano 1983, e que foron ampliadas, con mínimas
variacións, no ano 1995.
A Real Academia Galega, única entidade rectora
en cuestións lingüísticas, renovou
e diversificou as súas áreas de estudio,
fóra de cuestións puramente normativizadoras.
Dentro desta ampliación dos seus ámbitos,
a Academia funda o Seminario de Sociolingüística,
entidade encargada da elaboración do Mapa Sociolingüístico
de Galicia (MSG), en colaboración coa Consellería
de Educación e Ordenación Universitaria.
O MSG é un traballo moi preciso e sen dúbida
de vital importancia para termos un coñecemento
fiable da situación que atravesa a língua.
Pola súa banda, o Instituto da Língua
Galega (ILG), que ten asinados convenios de colaboración
coa Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria desde o ano 1983, completa progresivamente
os diferentes volumes de que consta o Atlas Lingüístico
Galego (ALGA), o máis completo e moderno estudio
de dialectoloxía de toda Europa. Alén
disto o ILG encárgase de elaborar ferramentas
informáticas, vocabularios temáticos,
estudios dialectolóxicos, de grande importancia
para o futuro da nosa língua.
A constitución do Centro para a Investigación
en Humanidades "Ramón Piñeiro"
en 1993 supón un fito importante nesta evolución
progresiva nos estudios sobre a nosa língua.
Este organismo, dependente do Goberno galego, realiza
proxectos de moi diverso tipo como diccionarios de
fraseoloxía ou de literatura, vocabularios
temáticos de diferente tipo, edicións
facsimilares ou un sintetizador de voz. Alén
disto, o Ramón Piñeiro puxo en marcha
o proxecto Termigal, centrado na elaboración
de traballos terminolóxicos nos campos científico
e técnico.
A fixación oficial dos topónimos galegos
que, segundo se dispón no artigo 10.1 da Lei
de Normalización Lingüística terán
"como única forma oficial a galega",
é un dos grandes avances deste período.
A elaboración do Nomenclator, documento que
recolle os tóponimos oficiais de Galicia, supuxo
un arduo esforzo de investigación debido á
cantidade inxente de pequenos lugares espallados pola
nosa xeografía.
Ás portas do século XXI a nosa língua
segue a se manter viva, protexida pola lexislación
vixente e cun elevado número de falantes. Só
resta, pois, facermos camiño tomando como exemplo
o teimudo labor daquelas persoas que, dentro e fóra
de Galicia, nunca deixaron de fomenta-la contribución
cultural do pobo galego ó mundo.