O galego
pertence ó grupo das linguas Románicas
—coma o francés, o castelán, o
catalán, o portugués ou o italiano—,
e é producto da evolución do latín
implantado polos romanos no noroeste da Peninsula
Ibérica, con achegas dos idiomas dos pobos
aquí instalados antes da colonización,
ademais das contribucións das linguas superpostas
ó latín galaico trala fragmentación
do Imperio Romano.
Os
límites xeográficos da nosa lingua veñen
conformados pola Comunidade Autónoma de Galicia
e as áreas máis occidentais de Asturias,
León e Zamora.
Galicia conta con máis de 2.800.000 habitantes;
entre eles, case dous millóns e medio falan
galego. Desde un punto de vista lingüistico,
limita polo leste coas falas leonesas e asturianas,
e polo sur cos falares miñotos e transmontanos
de Portugal.
Diversas
circunstancias históricas motivaron que non
chegase a se constituir en lingua dun Estado, senón
que se integrase dentro dun país multilingüe.
España, feito este non estraño de considerarmos
que o número de linguas no mundo oscila entre
tres e catro mil, mentres que o número de estados
xira en torno ós douscentos. Hai polo tanto
case vinte voces máis linguas ca estados. A
meirande parte deles deben, pois, enfrontarse ós
problemas orixinados pola convivencia de varias linguas
dentro dos seus respectivos territorios que case sempre
se relacionan desequilibradamente. No vello continente,
só Portugal, Islandia, Albania e pequenos estados
como Liechtenstein San Marino ou a Cidade do Vaticano
son lingüísticamente homoxéneos.
Polo tanto, o caso galego é común a
moitas nacionalidades europeas.

En
Europa a preocupación pola diversidade cultural
e lingüística maniféstase xa nos
anos cincuenta a través do Consello de Europa.
A principios dos oitenta comeza unha longa pescuda
sobre a situación das linguas minorizadas,
que desemboca na presentación por parte do
Comité de Ministros do Consello de Europa da
Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias
en 1992, texto que ha ser aprobado polos paises membros
a partir do 2 de outubro dese mesmo ano.
É
o primeiro documento xurídico e político
importante que implica practicamente a toda Europa.
A Carta comeza por testemuña-la existencia
da pluralidade lingüística europea, non
como foco de conflíctos, senón como
unha enorme riqueza cultural. Asi mesmo recoñécese
que estas linguas (entre elas o galego) viven unha
situación complexa, e declárase que
é responsabilidade dos poderes públicos
defenderen a posición dos idiomas minoritarios.
Expresa explicitamente que para a promoción
e a salvagarda das devanditas linguas é vital
o seu emprego, tanto na vida privada coma na pública,
social e económica; e concreta a necesidade
da presencia das linguas no ensino, sobre todo no
primario, na Administración e na Xustiza como
único medio de rematar coa discriminación
linguística.
España
participa directamente deste recoñecemento
da pluralidade lingüística e cultural
europea a partir da súa integración
na Comunidade o primeiro de xaneiro de 1986. Deste
xeito, Galicia, que ten unha lingua e unha cultura
específicas, súmase ó conxunto
heteroxéneo e plurivalente de culturas que
conforman o mosaico europeo.
A vocación europeísta de Galicia xa
se manifestara no pensamento dos intelectuais galegos
de principios do século, como se recollía
na "Primeira Asamblea Nazionalista" de 1918,
na cal se defendía "o ingreso das nacionalidades
da Iberia na Liga das Nazóns".